Denuncia (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/07/2000)

O tipo máis xenial do século XX non foi Albert Einstein senón que o é Tim Barners-Lee. Ambos comparten profesión, relacionada coa enerxía atómica. Do primeiro nada cómpre explicar. Do segundo, que, traballando no Laboratorio Europeo de Física das Partículas, concibiu a idea capaz de facer da Internet un instrumento de comunicación popular. Einstein deu grandes teorías; Barners-Lee, necesitado de se comunicar doadamente con outros científicos, inventou as bases da world wide web.
Gracias a ese invento do Tim (diminutivo de Timothy), aconteceu o seguinte:
Semanas atrás, Manuel Antonio (Cholo) Rey Flórez, tras conversa con quen isto subscribe nas rúas invernais da Bahía Blanca arxentina, decidiu seleccionar a presentación web de El Ideal Gallego entre os seus “favoritos” na interrede.
O Cholo, natural da rúa de San Pedro coruñesa, hai demasiados anos que vive a once mil quilómetros de distancia da súa cidade, en Comodoro Rivadavia, capital do petróleo na Patagonia. Pero está en rede, e segue ao día canto acontece aquí.
De feito, hai pouco leu unha destas columnas, na que se contaba o roubo dunha boa bicicleta, e apenouse do autor do escrito.
De novo usando as capacidades da Internet, enviou mensaxe telemática: para saber da ilusión roubada, convenme falar cun curmán seu, policía de profesión, con veteranía dabondo como para deducir polo delicto a personalidade do caco.
Gracias, Cholo amigo. Pola recomendación, e porque coa túa carta me recordas algo que debo facer para que os funcionarios actúen: a denuncia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/07/2000]

Share