Xan da Nega (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/07/2000)

Hai uns meses, Ramón Reimunde, mindoniense, empresario da madeira e catedrático de galego, fíxome o galano de varios libros, que ando a ler aos poucos, como cómpre cando se quere gozar da lectura.
Onte rematei Costumes antigos en Galiza, editado polo propio Raimunde. En forma facsimilar recóllense neste texto as notas que don Manuel Leiras Pulpeiro fixera a cerca da concepción, a xestación, o parto, o bautizo…, todos os pasos da vida dos galegos de hai un século ata despois de abandonaren o mundo.
Aquel escritor popular, home de ciencia dedicada ao servicio do pobo, fixo o que outros esqueceron facer: recoller do pobo canto dá -xusto o que botan en falta escritores-lectores de hoxe como Xabier Docampo, a quen a correctísima prosa de certos autores non lle sabe a nada.
Leiras, presentado por Reimunde, filtra en obra breve saberes e sabores milenarios.
En cada capítulo pon refráns concluíntes. No final, o dos cemiterios, en relación ao morto e a cova está o da obriga filial: “quen lle coma os bens, que lle rece aos pés”.
Pero todo o opúsculo anda varrido por ventos de pobo. No capítulo dos fillos ilexítimos, ao nacido nesa condición chámaselle “airío” (do aire); da mai dise que “as zocas lle colleron auga cando non conviña”; o pai desleigado é un “Xan da Nega” (porque nega a paternidade), a inclusa noméase “arquiña do Rei”; e advírtese ao mundo que “máis vale preñada ca cega”…
En fin, recomendable libro de amor á terra e ás xentes no que autor e editor resultan uns poetas da antropoloxía.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/07/2000]

Share