O maldito anhídrido (A voo de tecla, 26/09/2007)

Desde que comezou o balbordo sobre o quentamento global, identificouse o culpable de todo: o anhídrido carbónico; e sobre esa base construíuse un sistema de vida: cumpría acabar coas emisións de carbónico a todo custo porque, segundo aumentaban, subía a temperatura media do Globo. A actividade humana era a culpable; petróleo, carbón e gases combustibles levábannos á catástrofe final. Fixéronse acordos e apareceu o negocio de compra-venda de emisións de carbónico. O mediático Al Gore chegou a “demostrar” a correlación histórica entre concentración de CO2 na atmosfera e temperatura do Planeta.
Mais tamén desde os inicios da propaganda contra a maldito anhídrido houbo xeólogos, edafólogos e meteorólogos a sosteren que a actividade humana (calefacción, transporte, industria…) representa unha proporción desprezable da achega do CO
2 á atmosfera. E agora din que a correlación do Gore non existe: as subas e baixas da concentración de carbónico na atmosfera levan atrasos duns cen anos respecto ás de temperatura da Terra.
Seica a Ciencia é tal cando quen traballa para ela está sempre a esculcar, disposto a derrubar teorías; e só ten valor científico o plenamente demostrado. Que a superficie da Terra e os mares parecen quentarse é certo, pero ¿será por culpa do carbónico? ¿E se non for por iso?
Se cadra, mellor sería ollarmos para o Sol e a súa actividade mudante: tal vez niso estea a explicación das mudanzas que sofre a Boliña Azul, e non nas falcatruadas que fan nela os humanos.

[La Voz de Galicia, 26/09/2007]

Share