Historias (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/06/2000)

A Historia –con permiso dos historiadores– é un xeito de fabulación. Polo tanto, exercicio de síntese. A realidade acontece en tempo real (obviamente) e a súa reproducción en diferido levaría tanto tempo como a secuencia dos acontecementos. Se a iso engadirmos a multiplicidade dos mesmos, o resultado sería “a historia interminable”.
Vén isto ao conto das “mutilacións da Historia de España por parte dos libros de texto nacionalistas”.
Seica se queixan os señores académicos de que España sae diminuída neses libros, e cumpriría lembrarlles a tan sisudos persoeiros que todo na vida é cousa de acción e reacción: o que se estudiaba nos tempos da unidad de destino en lo universal negaba feitos básicos da periferia. Por exemplo, vindo a Galicia, a súa calidade de reino independente, pouco a pouco levado á órbita doutro –León– que á súa vez foi subordinado a outro máis –a Castela.
E non falemos dos Irmandiños ou do Estatuto do 36…
Un elemento máis de discusión sería a realidade ultramarina de España (América, África, Asia), malamente recollida nos manuais de ensino non universitario.
As Historias das tres grandes nacións-estado que conformaron Europa (España, Francia e a Gran Bretaña) son vastísimas, o que fai imposible explorar os infinitos camiños que levaron a tales formas de civilización –as que nos fan sermos como somos, con independencia da realidade previa de cada pobo integrado nelas.
En fin, non remexan moito no asunto desde o académico poleiro, non sexa o demo que os galos resulten pitos desplumados.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/06/2000]

Share