Retornar (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/06/2000)

Nome tipicamente galego, apelidos galegos sen dúbida, fala castelá neutra, con certo ton madrileño pero sen leísmos. Formación universitaria, posto directivo en empresa multinacional. Traxe gris, carteira de marca.
“Son de Caracas -aclara-. Meus pais coñecéronse na Irmandade. Alá estaba eu marcado por galego, en Madrid por sudaca. Sempre quixen vir para aquí, á aldea dos avós, pero non souben atopar o camiño de retorno. Quédanme o consolo das vacacións: á miña muller gústalle isto. Aos fillos, tamén”.
Chega en día de verán. Un xornal que lle deron no avión anuncia que Galicia perdeu máis de dez mil habitantes nun ano, que aquí non casa a penas ninguén, que ninguén ten un fillo. Vindo do purgatorio da Capital, non entende nada: eses verdores, o recendo fresco de foresta na meseta do aeroporto….
Exprésase coa sinxeleza de quen pouco ten que pedir, e moito que dar. Aínda lle bate no peito un corazón forte e nel agocha o desexo de facer súa unha parte do que foi dos seus maiores.
Trae propostas. Espera respostas. Non vai recuar…
O seu interlocutor lembra unha viaxe de volta ao Impaís, uns xubilados en Venezuela dispostos a retornaren se puidesen cobrar aquí as súas pensións de alá; e acaba por falar:
“Se eu mandase na política de Galicia, empregaría todos os recursos en axudarvos a retornardes, a novos e vellos, a cantos tedes tanto dereito ao caldo de grelos coma nós. Aos que vos atreveriades a loitar, a ter fillos e crialos, para que a vida siga”…
Para que a vida siga. Para que siga.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/06/2000]

Share