Roubo (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/06/2000)

Volvía eu dun espléndido paseo a cabalo por eses montes de Deus onde chilrean os paxaros, cos pulmóns cheos de frescura eucaliptal, despexando os restos de gripe que trouxera da Arxentina, e viña a pensar nos baños que o bo tempo ofrece.
Hai unha praia da que gusto especialmente, a de Cariño de Ferrol, desde a que se ve a parte da Coruña onde moro, o que me dá tentación de nadar. Con intencións de exercicio pensaba en trasladar á Cabana unha bicicleta lixeira, multimarcha, para aproveitar horas tranquilas de verán pedaleando ata esa praíña.
Así entrei no garaxe da miña casa, onde tiña a bici e… —¡non o daba crido!— desaparecera o obxecto das miñas arelas. Roubáranma. No seu lugar ficaban o cadeado roto e un tubo de servicios no que a encadeara, medio arrincado da súa suxeición á parede.
O caso é vulgar: algún veciño despistado que non se detivo na rampla do garaxe a comprobar que pechaba a porta, un caco á espreita que se coou atrás do vehículo e, unha vez na soterra chea de coches, motos e bicis, escolleu o que lle resultaba máis doado de levar para fóra –se cadra polas escaleiras da casa.
Feita a queixa ao presidente da comunidade, este deu parte á compañía de seguros, que reporá o tubo.
Ben. Non sei quen andará a gozar da miña linda bicicleta. E non vou chorar polo seu valor material, que máis se perdeu na guerra de Cuba.
Pero non podo deixar de remoer na inxustiza do roubo en xeral, na apropiación de ilusións que fai quen rouba, na súa insolidariedade cos demais.
Un ladrón é un tipo noxento.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/06/2000]

Share

One Comment

  1. Pingback: Denuncia (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/07/2000) | XAVIER ALCALÁ

Comments are closed.