Mercenarios (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/06/2000)

Recibo nova carta —desta volta, amable— acerca da miña visión do fútbol, entrando en materias de exercicio.
Dado o ton da prosa que asina o señor Castro, respondo publicamente como el solicita (da mesma maneira que non respondo a quen quere ofender e encirrar).
Declarei a outro medio que o fútbol é “un absurdo”, e niso me manteño: deporte infantil no seu concepto (andar atrás dunha bola parece cousa de cativos), converteuse nun motor de economía que pode causar graves distorsións en caso de fallo.
Aínda máis, sendo deporte e —en principio— froito dos excedentes económicos dunha sociedade, pasou a ser alimento espiritual sen o cal pobos enteiros morrerían de tristura e desacougo.
Non me digan que iso non é un absurdo. E ollemos ao inmediato: mentres La Coruña de Lendoiro e Vélazquez y Velázquez tolea co Dépor, Vigo traza a liña de mando industrial con Braga e Porto. Cousas veremos…
Outro punto, amigo Castro, é o dos mercenarios. O colega Ardá dicíame que non, pero eu digo que si: ¿quen defende as cores patrias da Coruña? Estranxeiros. E o mesmo ocorre coas do Barça, en cidade de nación afortalada como é Cataluña.
Mercenarios, digo e manteño…
Canto ao exercicio, poida que un “intelectual” (como vostede me cualifica) practique con asiduidade deportes moito mellores có de ir fumar xarutos ao estadio.
Os meus, actualmente, son a equitación e a natación. Antes foron outros: ximnasia (mans libres e barra fixa), pelota basca, escalada en rocha e xeo, ciclismo, karate… e, sempre, moita lectura.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/06/2000]

Share