Bouzas (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/06/2000)

En Ferrol estaba o ceo toldado. Sobre o Ulla abríanse as nubes para que a vide puidese coller vizo. Vigo era todo luz…
Encontro na Zona Franca, edificio magnífico. O motivo: a transferencia de coñecementos tecnolóxicos entre empresas.
Houbo que esperar. Pero non importou facelo porque as vistas desde as oficinas son acordes coa obra arquitectónica da entidade que se creou para fabricar “fóra de portas”, alén das alfándegas do Estado Español aínda que en territorio físico de España.
O nordés rizaba o Mar das Despedidas. Cara ás Cíes, que parecen pechar a boca da ría, saían poderosos barcos de motor e gráciles veleiros. En fronte, Cangas ofrecía un ton de carne baixo o verde escuro dos montes. Alén de Cangas, Moaña, da mesma cor. Ao extremo leste, o alarde técnico da ponte de Rande. Vagamente, en confusión de verdores, o fondo da ría.
Bouzas foi vista de adeus para millóns de criaturas que se entregaron ás Américas. Hoxe é lugar de despedida para millóns de vehículos que fabrica Vigo e alí se embarcan…
Vigo é moito Vigo, un mundo fabril. En Vigo hai unha queixa cara a Santiago: que San Caetano, sede da Administración, ten os ollos no norte.
Nunha taberna do Areal vigués xántase de envexa: empanada de xoubas, chinchos con patacas, canas de crema e mencía de Sober. A camareira é nacionalista: só fala galego.
E escóitase unha advertencia para coruñeses: a capital de Galicia desprázase por autoestrada cara ao Sur. Cómpre fabricar, producir, como se fai en Vigo e no Porto.
O do Dépor é unha anécdota.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/06/2000]

Share