Vinte pesos (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/06/2000)

A vida provoca curiosas coincidencias: á volta do San Xoán das fogueiras e as sardiñas, para algúns o traballo intensifícase por culpa do mar, da pesca e dos pescadores.
Cedo o sol anuncia que a vida comezou. Ao longo da estrada, vendo os primeiros síntomas do verán -montes queimados- escóitanse na radio entrevistas con vendedoras dos postos dunha praza de abastos.
Din que a ducia de sardiñas superou as mil pesetas de prezo e que segue a subir: vinte pesos por sardiña -cando anos atrás sería por ducia, e máis atrás por cento.
As sardiñas eran peixes prateados e pequenos, arqueados no rigor da morte, que se abrandaban a suar graxa sobre o lume. Cun pranto negro e cheiroso, o ollo opaco de tanta calor, entregábanse na man do que as devoraría apoiadas nun anaco de boroa.
As sardiñas eran para boca de pobre; e pobres haberá que lembren a ducia a peseta, mil veces máis barata que hoxe.
Pero daquela había pouca xente fina que as comese, e sobraban pescadores.
Aínda máis: a vida dos pescadores valía pouco, e non se queixaban por traballaren en condicións de dureza insuperable. Andar ao mar era miseria maior e aceptada.
Curiosamente, logo de que o peixe basto se convertese en escaso manxar, decidiuse mirar polos que o apañan con redes. Fálaselles de seguranza e hixiene, equípanse os barcos con aparellos de navegación e comunicación da última fornada tecnolóxica, mantense un dispositivo carísimo para a intervención nos naufraxios…
Pena os que o mar levou sen veren o milagre da multiplicación dos prezos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/06/2000]

Share