Rameiras (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/06/2000)

Tópico é falar do “oficio máis antigo”; doado, se cadra, do “matrimonio como prostitución burguesa”. Simplicísimo, montar unha discusión sobre os límites imprecisos do pecado e do delicto en materia de sexo cando a fame aperta ou cando cega a cobiza.
De calquera xeito, unha rameira é iso, o que a palabra di.
Isto vén ao conto de que España é un país imbécil —ou, mellor dito, cheo de parvos, que alimentan espectáculos como o de El Gran Hermano (mala traducción de The Big Brother).
De volta nesta realidade, fico coa boca aberta vendo ao nesgo —mentres leo xornais atrasados— o programa do Javier Sardá en que se presenta unha moza, actriz do programa da irmandade dos bobos, que exercera de vendedora de amor carnal.
Xunto dela aparece outra, con aires de exercente do mesmo, que defende a actuación da primeira polo feito de haber demanda no mercado.
Como a pode haber —digo eu— de cocaína ou de heroína, e non por iso se xustifica o mester dos traficantes.
En fin, cambio de programa e soa ao fondo unha música de tango con vistas da rúa Lavalle de Buenos Aires. Iso tráeme á memoria algo oído hai poucos días:
Na desmesurada capital do Prata, ventre para todo, seica hai unha organización de sexo refinado. Con morbo especial.
No cemiterio da Recoleta, no centro histórico da cidade, rameiras organizadas levan os clientes a lugares especiais, con escolla de posición: de pé, contra as paredes externas do camposanto; ou xacendo sobre os xacigos no interior dos mausoleos…
Eros e Tánatos: os humanos non temos solución.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/06/2000]

Share