A Arantxa (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/06/2000)

Revisando unha morea de cartas acumuladas durante semanas de ausencia, atopo un sobre dirixido a min de maneira errada, o que os carteiros souberon remediar.
O tal sobre contén nota de lectora asidua destas columnas trazadas a voapluma. Pide resposta e alá vai, por ser de mociña e con referencia a asuntos de Literatura (outras misivas que tamén me esperaban prefiro non responder: entendan os seus autores que se evita a provocación co silencio).
Arantxa Serantes ten dezaoito anos e quixera ser escritora, oficio que considera “fascinante”. Di que anda desorientada e que lle gustaría oír algún consello. Que, do que xa leva escrito, lle encantaría ter opinións de escritor…
Xa di moito da rapaza a súa vontade de escribir, sendo criada nun sistema cultural audiovisualizante, no cal se esquece que, para que haxa unha boa película, ten que haber un bo guión; e, para que haxa un bo guión, cómpre unha boa novela.
A palabra escrita non ten substituto, aínda que o soporte da escritura vaia mudar de agora en diante. Polo que o consello de quen practica o exercicio de escribir é que, simplemente, se escriba.
A literatura en prosa -ramo da mesma que se lle supón á Arantxa- só ten dous ingredientes: unha boa historia e unha redacción acorde con ela, lembrando o que dicía Blanco Amor: “O escritor non se mide polo número de páxinas que publicou senón polo das que tirou á papeleira”.
A calidade é o principal. A paciencia, un aliado.
E, canto á opinión sobre o que a Arantxa leva feito, só é cuestión de mostralo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/06/2000]

Share