Das Boot (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/06/2000)

A Primeira Guerra Mundial acabou en armisticio e acordos de compensación que a Grande Alemaña non iría respectar.
Unha segunda guerra –alomenos europea– estaba servida. Había estalar con Hitler ou sen el. Comezouse a preparar logo que calaron os fusís.
A este respecto, sorprende saber dos movementos de Canaris –o futuro almirante– nas costas da Sudamérica á procura de bases navais.
“Poder naval é poder mundial” teorizaban xa no século XVIII. Pero aqueles señores con perruca non podían imaxinar a nova máquina de guerra que había xustificar a súa teoría: o submarino.
Na épica da Segunda Guerra Mundial hai unha faceta abraiante, polo escuro e sixiloso: a dos wolf packs, as “manadas de lobos” que facían cambalear as estratexias anglo-americanas de abastecemento.
Grises e lixeiros, os submarinos alemáns atacaban convois de mercantes como se fosen rabaños de ovellas. Os destructores, coma cans de pastor, repúñanse contra os sumerxibles. E armábanse pelexas con sangue negro: petróleo, gasóleo…
Das Boot é un documento audiovisual valioso: conta a historia verosímil dun grupo de cincuenta dos corenta mil mariños alemáns que atormentaron os seus inimigos. É unha película antibelicista na que se relatan heroicidades a contrafío, as dos que non querían ser heroes (trinta mil dos cales morreron).
Véndoa, unha vez máis o espectador de hoxe fica de boca aberta diante de tanta valentía; e acaba dando a razón ao filósofo: cadaquén actúa en función das súas circunstancias.
A coraxe, seica, aflora cando se precisa dela.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/06/2000]

Share

One Comment

  1. José Augusto González Navarro

    Se di que as guerras confirman os erros dos seres humanos para resolvelos conflictos. Tamen que deben existilas guerras para os que fabrican armas…Cando o home decatarase que as guerras non conducen a nada bo. Agora se me ocorre preguntar…as guerras do seculo 21, son económicas cando os chamados países “saqueadores” levan as riquezas dos países ” saqueados” ? E cando non poden ” saquealos economicamente, os invaden a maneira tradicional?

Comments are closed.