Ter nome (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/06/2000)

Universidad Católica Argentina. Xuntas, as facultades –tan distantes– de Filosofía y Letras e de Ciencias Físico-Matemáticas.
Encontro de Literatura coa profesora Graciela Maturo, que xa estivo na Coruña dando clases sobre Leopoldo Marechal.
Deixamos o edificio onde ela ensina literatura do país e eu dou lección de asuntos telemáticos. Imos a un bar para rapaces, cos anuncios en dialecto crioulo do castelán. Alí os ollos da señora ilumínanse con nomes principais: Torrente Ballester, Cambaceres, Cunqueiro, Carpentier
Sinto unha onda de simpatía cando me di entender que eu non relea a Borges nin a Cortázar. Hai moito autor arxentino que defender: os creadores dunha literatura nacional, os determinadores dun canon propio de terras con xente. Terras fecundas. Xente viva.
Borges era cego. Cortázar, francés…
Isto de andar a contrafío nos gustos literarios é un problema. Era moito mellor se deixar levar polo que impera.
Pero a cousa non é tan doada. Deixo a miña amable confesora (con promesa de asistir á velada literaria na que a súa neta tocará o cello), para dar teoría da troca electrónica de documentos, e vexo unha mociña apertada apaixonadamente a un libro de Paulo Coelho.
Pregunto á alumna se xa leu El inglés de los güesos –clásico arxentino inescusable– e dime que non. Máis aínda, que non sabe quen foi Benito Lynch, o autor.
Isto é a Arxentina: pobo que ve a través do que Europa lle descobre. Lynch non existe porque non o coñecen en París.
(No Impaís galego é aínda peor: só existe quen ten nome en Madrid)

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/06/2000]

Share