Epopea (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/06/2000)

O hálito da xente polas rúas de Bahía Blanca é bafo mesto. Os xornais din que os pasos da cordilleira están pechados.
De alá viñan os indios serráns, atravesando pampas, arrastrando con eles tribos que non admitían a presencia dos cristiáns nos seus cazadoiros. Os cristiáns eran “milicos”, cregos e xente con malos costumes: criar gando e cultivar campos. Eran os inimigos da “xente da terra”, nómades feitos exército cando o “cauhallo” –o cabalo— apareceu nas súas vidas.
Bahía Blanca sufriu os ataques dos infieis, pero seguiu adiante, con colonias agrícolas e militares, ata se converter en estación ferroviaria, porto graneiro e base da Mariña.
Hai unha espléndida epopea na construcción da última cidade antes da fronteira do Río Negro que navegou contra indios e corrente “el piloto Villarino”, Basilio Antonio Vilariño.
Nesa epopea hai españois, que armaban “romerías”; e, dentro deles, galegos.
Hoxe algún descendente de galegos é home da nova patria, quizais militar, como o que nos mostra unha base que non esquece unha guerra perdida: a das Malvinas. A base é enorme, como todo o arxentino, e ten unha cidadiña satélite que ve mal as cousas por culpa da rebaixa de soldos aos funcionarios.
Hai lamentacións. O país tan rico, desperdicia. Un bo compañeiro de viaxe, Cholo Rei Flórez, coruñés, conta como se “ventea” o gas dos pozos de petróleo.
A falarmos cos galegos do Centro, alguén tenta botar contas de todo o gas natural que levan arrastrado os ventos feroces do Sur: unha absurda inmensidade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/06/2000]

Share