Fútbol e innovación

Bruxelas, Palacio das Academias, xuntanza de institucións de lobbying oficial (cabildeo legal) ante a Comisión Europea: presentación do proxecto de Consello Europeo da Innovación; asistencia masiva, bela Babel do Vello Continente onde tanto se inventou. O mundo progresou en termos de ciencia e tecnoloxía grazas a Europa ata que o imperio americano -europeo en conceptos- comezou a dicir que existía (e non se esqueza que os ianquis «abduciron» centos de científicos alemáns e italianos á fin da Segunda Guerra Mundial).

Á conta do novo Consello, as súas funcións e o seu orzamento, ármase un debate (en inglés mal pronunciado) sobre as causas de que Europa vaia ficando atrás dos EE. UU., a China ou Corea canto á innovación rompedora. No fragor das discusións, un checo diríxese a un alemán con intención de ferir: Alemaña tería que saber por que os mellores xogadores dos seus equipos de fútbol son todos estranxeiros (non se atreve a dicir «mouros e negros» pero séntenselle as ganas). Porque en Europa morreu a creatividade. Non hai fútbol tan rompedor coma o dos africanos e os suramericanos.

Velaí o fútbol, mesmo no templo da razón e a ciencia de Bruxelas. ¿Non valería outro exemplo? As damas presentes mófanse del: sorte que as mulleres innovadoras aínda non sucumbiron ao LSD das masas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/08/2016.]

Share