Do inglés ao turco

Bruxelas segue a ser unha Babel de ceo triste. Na Rue du Trône / Troonstraat teñen sede institucións españolas de investigación científica; na mesma rúa hainas de Italia, Noruega, República Checa… Á hora da cervexa, na contigua Place de Londres escóitanse moitos idiomas sobre os que prevalece o inglés, deturpado por outras tantas pronuncias alleas. As conversas destes días tratan do brexit e do turkin: uns que saen e outros que teiman en petar á porta.

¿Que vai pasar co inglés nas institucións europeas? Un galego con mando mostra comunicado oficial ao respecto. Nel lemos que a lingua natural dos que votaron irse «é amplamente usada por ser o idioma que máis funcionarios da Comisión falan, e tamén usada amplamente por todos os nosos socios do Globo enteiro. As consecuencias do referendo no Reino Unido non teñen impacto sobre isto».

Oficialmente admitido o feito, logo chama a atención como aumentaron as ofertas de ensino do turco na capital da Unión Europea. E hai unha explicación: entenderse en inglés xa é unha vulgaridade que non dá puntos para facer carreira profesional. Aquí sempre se valorizaron as linguas de proxección ao Novo Mundo (castelán e portugués) pois ollábase cara a Oeste. Mais hoxe -fóra golpe e contragolpe turco- cómpre distinguirse ollando cara a Leste.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/08/2016.]

Share