Bahía Blanca (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/06/2000)

En Buenos Aires chovía, con morriña e inquietude: a resaca da folga xeral é pesada. Seguen a cruzarse as acusacións.
No avión, soneca, breve sesta, filla da gripe. Ata que os ollos se abren a unha paisaxe de pampa sen fin: cadros de terra pintada de verde ou castaño, máis claros ou máis escuros, liñas rectas de estrada pálida coma cicatrices, edificios brancos de estancia…
Aos poucos o avión perde altura e chéganse a ver vacas quietas, sombras longas de inverno, dun sol que procura o camiño da cordilleira.
Pero estamos lonxe dos Andes, na beiramar atlántica, na Bahía Blanca.
Os galegos desta “Nueva Liverpool” teñen caras de galegos, vellos e novos. Non o poden negar. Están a organizar un novo Centro, herdeiro do que desapareceu…
Fálase moito. Paséase polo porto pesqueiro con bufanda e parsimonia, visítase o museo da antiga alfándega, onde se explican as normas de recepción ao Hotel de Emigrantes: preferencia por ingleses, franceses e alemáns; prevención contra enfermos, lacazáns e anarquistas.
Acabamos nunha mesa de xuntas esclarecendo intencións dun centro da galeguidade americana en tempos de retorno á Europa. Porque a Arxentina é unha inmensa desilusión.
Mesmo os poetas nacionais dubidan: onda nós aparece “don Chamadoira”, de familia de Cotobade, con noventa e oito páxinas de historia de Bahía Blanca “escrita en poesía culta”.
E láiase: aquí non hai cartos para lla publicar.
No entanto, os poetas galegos publican por conta da administración: non hai nada como ser pobre na Unión –Europea– dos ricos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/06/2000]

Share

One Comment

  1. JOSE AUGUSTO GONZÁLEZ NAVARRO

    Breve mais excelente “semblante” dun punto do mapa arxentino no que ficaron moitos galegos , formaron familia e mantiveron a lembranza da terra afastada en distancia mais non en sentemento. Soamente estiven de paso por Bahía Blanca camino da Patagonia e porta de entrada á mesma. En resumo se podo dicir que Bahía Blanca é a fin da Pampa e a porta de entrada á Patagonia infinda…

Comments are closed.