Intimidación (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/06/2000)

Estraño país, no que hai que remexer e furgar para coñecer o que funciona. Á porta do Instituto Nacional de Tecnología Industrial un tipo grandallote reparte follas chamando á folga. Dentro, o director da institución ten cara sombría: ándanlle ameazando o persoal para que abandone o traballo…
Con todas as capacidades dun universo tecnificado, nos laboratorios do INTI trabállase para desenvolver exquisiteces innovadoras, coma a circuitería electrónica adecuada aos ambientes gasosos deflagrantes. E os xornais airean a venda dun reactor nuclear á Australia. Na Patagonia, a pé da beleza inmensa do lago Nahuel Huapí, mantense viva unha comunidade científica que sabe de enerxía atómica, e é capaz de superar as miserias de todos os días.
Miserias: Pepe Castro é o conductor do “remise” (coche de axencia, seguro, mellor ca un taxi, no que o pasaxeiro pode ser roubado e asasinado). O Pepe chámase como miles de galegos e fillos de galegos do Gran Buenos Aires. E ten a orgullo a súa procedencia “de Güitiris” (ou sexa, Guitiriz). Os seus pais –insiste– fuxiran da miseria. El é arxentino e está contento co país. Non debe ver ben: o seu coche está desfeito. En Guitiriz teríao que deixar agachado nun alpendre…
Camiño de Puerto Madero vense os primeiros “colectivos” con pedradas nos vidros. E taxis coas rodas furadas a navalla. Manda a intimidación dos sindicalistas.
Na facultade, de súpeto, córtase a conexión á Internet. Confírmase que foi unha sabotaxe ao servidor do acceso. A folga de mañá está servida.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/06/2000]

Share