Tango (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/06/2000)

Arxentina viviu dúas xornadas de folga: os días 8 e 9. Xa o 7 pairaba sobre o Gran Buenos Aires unha pesadez de chuvia impertinente e ameaza de piquetes.
A humidade trae gripe. Agripado andaba Manuel Pampín, galego que nunca quixo deixar de selo.
Cando o embarcaron cara ao Río da Prata, tentou escapar. E ao chegar, encerrouse: durante un mes non quixo saír a este mundo novo –no que descubriría o tango, música e realidade global, xeito de vivir que inspirou moreas de libros.
Corregidor, a editorial de Pampín, ten sona en todos os continentes, do que dan testemuña as cartas que recibe. Con ela están os grandes da música porteña.
No Café La Paz, esquina de Corrientes con Montevideo, segue a conversa preñada de saudades duras, dos que non son de aquí nin de alá. Aparece Xosé Manuel Castelao coa calva mollada e un sorriso que se apaga por culpa de Aerolíneas e Repsol.
Non lles gusta a estes galegos –preocupados pola marcha política da Arxentina– como os tratan os españois do novo aluvión. As grandes empresas con mando en Madrid non saben que eles, os infinitos peóns da emigración histórica, fixeron un país.
Non queren que os seu paisanos arxentinos os vexan no papel de conquistadores desprezativos, como tampouco lles gustaba que os tratasen de “cejijuntos” e “patasucias”.
Queren que España toda mire polo seu futuro aquí…
Chove. Nun teatro de Corrientes fan parodia de Ménem: “Lo que el turco se llevó”. Na avenida soa o tango.
Na facultade anuncian folga de “estatais” para mañá. Pasado –din– será xeral, o caos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/06/2000]

Share