“El País” (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/06/2000)

A definición repítese: arxentino é un italiano que fala español, coida que é francés pero quixera ser inglés… Non lle falta razón ao dito simple, pero nel cómpre substituír “arxentino” por “porteño”, habitante de Buenos Aires.
Porque tamén é dos autores clásicos destas terras a distinción entre Buenos Aires e “el país”. Hai un país diferente á megalópole que todo determina. Existe a xente “paisana”.
Conviven a Capital e as provincias. Por pouco que se rañe na codia das cousas, logo aflora ese outro mundo arxentino no cal é imposible ser europeo –un mundo descoñecido para os porteños, que prefiren ir a París antes de iren ao Altiplano.
Xabier DoCampo volveu de Buenos Aires a dicir que a Arxentina era nación de aparencia europea porque esa é a impresión que dá a feira do libro. Mais os seus olliños furadores repararon nos “negros” que constitúen as clases de apoio ao benestar de quen se mantén burgués malia a constante ameaza financeira.
Son de pel escura, mestizos, provincianos, os policías, os obreiros da construcción, as “mucamas”, os conductores de “colectivos”… Por moito indio bravo que se exterminase, algún quedou. Os soldados da “conquista de los desiertos” arranxábanse coas “chinas” lindas das tribos vencidas. E había tribos pacíficas, agrícolas, católicas, logo de entraren en contacto cos misioneiros…
Fago reconto de apelidos entre os meus alumnos. Catorce son españois; dez, italianos. Catro centroeuropeos.
Coido que a proba vale.
Debo engadir que varias caras teñen ollos riscados, crioulos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/06/2000]

Share