“O tano” (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/06/2000)

Sorprende un Buenos Aires cheo de anuncios de empresas “punto com”, ou sexa: as que se manifestan na rede de redes, na Internet de todos os humanos. Hai un aire de modernidade baixo a chuvia gris e lenta que chaman “garúa”.
“Mientras tanto la garúa se acentúa con sus púas…” di a letra do tango. Un home ocioso na entrada da Universidad Católica ve chover. Escoita a miña fala e intervén: “¿Y usted es español?”. Por un instante temo que me asalte cunha perorata sobre os horrores do País Vasco.
Pero cómpre ser valente. España é o que é, mesmo con tiros á caluga que causan vergoña. Respondo que si e el dime que é italiano. Que veu de pequeniño e que xa está farto.
“Recién la gente se da cuenta” de que na Arxentina non hai nada que facer. Di que está a esperar por unha filla, á que xa pouco lle queda de andar por aquí. Vaina mandar para a Italia, a onde xa mandou o fillo máis vello. Como mandará todos os fillos. Porque este é momento de retorno.
O seu primoxénito marchou para Milán con título de mecánico e dous mil dólares. Hoxe –logo de tres anos– ten un piso en hipoteca e ofrécese a mandar pasaxes aos pais para o visitaren.
A súa muller é arxentina, filla de galegos que escaparon das represalias franquistas. Non quere “desemigrar”, pero pouco a pouco amolece.
Quizais eles non vaian para a Italia. Tal vez emigren á España, porque España é bela e grande. Pero non van esperar os cen anos que a Arxentina precisa para deixar de ser un país de ladróns…
Vou dar clase. E segue a chover, negra, amargamente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/06/2000]

Share