Río da Prata (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/06/2000)

Día de outono esplendoroso no Río da Prata. “La Mar Dulce” é castaña, con escumas claras que lle arrinca o vento. Polo ceo claro pasan fugaces os martíns peixeiros e, por cima deles, avionetas con rumbo á “provincia oriental del Uruguay”. Cabeceando nas ondas, unha infindable procesión de velas. De novo, a cuestión da riqueza: tanto veleiro, centos deles á vista, é unha indicación de luxo nos países desenvolvidos…
Acompáñanos a Sunday, cadela fiel, que teimou en ser recollida. Aparecera a bordo nunha noite de tormenta sobre este río inmenso e caprichoso. Foi daquela banda, que non se ve, nun portiño uruguaio.
Todo é fulxente, colorido; e o tinto de Mendoza vai soltando as linguas. Fálase desta natureza exuberante, obsérvanse moitas árbores derrubadas e conclúese que as enchentes prodúcense cando o vendaval do sueste non deixa baixar as augas.
Fálase tamén de novela, do mellor que se leu. Bos lectores aseguran non soportaren as de Borges, nin de Cortázar, Cela ou García Márquez. Non paga a pena perder o tempo con elas porque a vida é curta e hai moito para ler. Vargas Llosa resulta mellor acollido, Jorge Amado tamén. Os grandes clásicos arxentinos “ninguneados” comparten gloria cos autores que deron todo en inglés.
Sol e vento tocan o rostro de leve, e un benestar total chega coa delicia do “bife de chorizo”. Imposible superar a substancia das carnes pampeanas. Evítase ofender facendo comparanzas coas de marca galega.
A cada lugar do mundo, Deus (ou Pacha Mama, Mai Natura) deulle un cometido.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/06/2000]

Share