Dólares (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/06/2000)

“Bienvenidos a la hermosa ciudad de Buenos Aires” di a voz do sobrecargo e a pasaxe toda rompe nun longo aplauso… É noite pechada e corre un frío pampeiro entre o aeroporto e a poboación. A autovía mellorou moito. Forma parte do lavado de cara que “el turco” Ménem lle deu ao país. Velaí as estacións de servicio, e os coches: todo se anovou.
“Se lo llevaron todo, señor”, di o conductor. Ménem deixoulle un estado de arcas baleiras ao seu sucesor, o “gallego” De la Rúa.
O chofer insiste en que Ménem e os seus encheron os petos ata a fartura e fóronse indo como sempre se fixo neste país. Aquí parece que o oficio de político conlevase o enriquecemento de calquera xeito. Asombra o saber que os senadores protestan porque lles baixaron o soldo un doce por cento –cando gañan dezasete mil dólares ao mes…
Rico país de infinitos pobres que non se revolven contra nada porque a comida é fácil. Nación e comedores de carne, con caladoiros prodixiosos, que sobreexplotan galegos e outras nacións de comedores de peixe.
“No se preocupe, señor, que ya se va a arreglar eso con sus paisanos” asegura o que conduce por rúas tranquilas. Hai serio conflicto cos conxeladores das augas frías da Patagonia. Quizais se poida seguir pescando nelas, aínda que mellor sería facelo selectivamente…
Raia o día sobre Vicente López (nome de concello), fin da carreira. Alá van os primeiros trinta dólares —moitos cartos para un europeo, poucos para quen se afixo á débeda “eterna” do seu país co Fondo Monetario Internacional.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/06/2000]

Share