Tránsito (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/06/2000)

Ferrol era unha festa naval cando o deixei. Por alí andaban os barcos da Alianza que mira pola Democracia de Occidente en canto un exministro norteamericano advirte as potencias aliadas de non confiaren nas falsas promesas do caudillo Putin de todas as Rusias.
Na Coruña levei susto maior, porque había overbooking, entre a nosa cidade e a Capital. Nunca acabarei de entender o funcionamento das liñas aéreas. Voar segue a ser unha aventura, quizais unha das poucas aventuras que lle quedan ao home moderno.
Meu sogro di que, cando estea ás portas do pasamento e lle pregunten pola súa derradeira vontade, pedirá que lle devolvan as horas perdidas nos aeroportos… e vivirá anos.
Eu vou pedir que me devolvan, tamén, as angustias pasadas por culpa do sistema.
No Alvedro estaba Javier Grién, quen xa conseguira sitio no avión. Tiñamos un encontro de traballo en Madrid, e chegamos a falar de que el me cedese o posto: dese xeito eu podería negociar no seu nome e seguir voo a Buenos Aires.
Pero non fixo falta. Conseguimos montar os dous, e ter a xuntanza en Madrid con tempo (e calor) dabondo…
O tránsito do Atlántico –case doce horas— foi ordenado, e unha vez máis dei en pensar na grande marabilla do século que son os jumbos, naves enormes, cargadas de xente: almiñas que se lanzan aos ventos xélidos co coñecemento de que, en caso de fallo, non hai salvación.
Pero non hai fallos. Nunca caeu un avión sobre o Mar dos Emigrantes. E, así, chegamos na madrugada fría a un anaco das Pampas cuberto de cemento e asfalto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/06/2000]

Share