Reencontro (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/06/2000)

Non hai moito repetín o gozo de xantar cun amigo ao que non lle teño que explicar as miñas orixes, porque nelas está el: xuntos paseamos polos pagos saudosos da recordación.
Falo de Luís Carracedo Doce, quen —a se ver polo que— este día deu en situarnos no primeiro curso do bacharelato, e centrar a atención en dous personaxes dos que, se cadra, eu nunca máis tivera acordo.
Dous nomes e dúas figuras, das que, de súpeto, quixera saber, estean ou non no mundo dos vivos:
Unha delas era un rapaz saliente entre os compañeiros. Alto e rubicundo, louro e de ollo claro, con nome que podía explicar as guerras dos nosos maiores: Herbert Reimann Gallego.
Probablemente fose fillo dun dos moitos alemáns que preferiron ficar na España de El Invicto Caudillo cando o seu Führer comprendeu que non habería bunker capaz de protexelo da furia soviética nin do frío xuízo democrático.
Se cadra, o Herbert marchou para a Alemaña nos tempos en que todos os galegos saían para alá.
O outro actor do noso escenario infantil é don Ignacio Ferrando, militar con bigote mínimo, raia falanxista trazada a golpe de maquiniña. Daba aulas de Xeografía, vestido de paisano, e deixaba unha impresión de hixiene de barbería co seu cabelo lustroso e un cheiro a colonia refrescante, de agradecer en tempos de xabón feito na casa con borras de aceite e sosa cáustica.
Foron anos de grande miseria; pero luminosos e felices. Había neles un aire de misterios a desvelar polos personaxes que nos marcaron.
Oxalá reencontremos esas criaturas no Xuízo Final.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/06/2000]

Share