Desde o Alén (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/06/2000)

Hai tempo que me recomendaron un libro: Romeiros do alén.
Ese libro comparte mesiña de noite con The Bible in Spain e completa un menage à trois entre lector e autores con toda a complicidade da que nace o pracer da Literatura.
A visión da España terrible dos anos en que Borrow se atreveu a vender biblias aos nosos avós, coa sombra da Inquisición aínda viva, contrasta coa da Galicia máxica de Gondar Portasany, na que participan cregos entregables ao Santo Oficio.
Borrow é Goya, o dos deseños atormentados; Gondar é Álvaro Cunqueiro, o do “outro” realismo. No libro do viaxeiro evanxelista hai traballo de notaría xeral que conduce á angustia. No do antropólogo séntese o labor de quen indaga co punto de mira nun albo concreto: demostrar que Galicia é —marabillosamente— distinta…
Hai outros libros sobre ese impaís amado que poñen en garda: a lingua dos informantes non é castelán mal falado nin castrapo nin galego, o que fai dubidar da veracidade da información.
O libro de Gondar é un correctivo. Por el transitan romeiros do trasmundo coa viveza do seu galego castelanizado de leve por influencia eclesiástica. Nesas páxinas está a Galicia peregrina de antes, durante e despois da Morte: o Enxamio, a Compaña, a Estadea, a Pantalla, a Visión, a Roldiña, a Estantiga, a Visita…
Un prodixio, como tamén opina ao respecto Manuel Mandianes, con quen disto falei pola Coruña adiante, a seguirmos os poéticos pasos de Manuel María.
A fidelidade de Gondar —concluímos— dá azos para seguirmos a crer nos mitos que fan pobo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/06/2000]

Share