Teletraballo (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/06/2000)

Os medios de comunicación pintan o teletraballo como algo que vai mudar a sociedade de maneira radical, cunha liña divisoria nas idades do Home.
Sen embargo, o fenómeno xa ten moitos anos, aínda que se manifestase parcialmente.
Boa parte do traballo consiste en trocar informacións para procesalas e, en consecuencia, tomar decisións.
O correo sempre foi un apoio para o traballo, e permitiu -por exemplo- que funcionasen as delegacións das empresas. O telégrafo incrementou a posibilidade de teletraballar, o teléfono converteuse en elemento de relación entre persoas afastadas da mesma organización; e con el viñeron o modem e o fax.
Ao tempo que aparecían os novos sistemas de comunicación aumentaba o peso dos compoñentes inmateriais na producción: cada vez era máis o traballo de oficina en relación ao dos obradoiros. E os traballos de escritorio con ordenador comezaron a se facer en rede…
Hoxe todo se fai en rede. En rede de redes. Por iso, doadamente, se pode imaxinar a “oficina virtual”, na que os seus membros estean onde lles cadre, algún deles en movemento.
Na actualidade, o teletraballo é un feito para moita xente. Vívese unha etapa de espallamento da idea e da manifestación dela: abonda cos teléfonos móbiles, os ordenadores portátiles, a capacidade de conectar as máquinas ás redes con fíos e sen fíos…
Un exemplo: antes, cando un xefe enfermaba, retirábase á casa e deixaba de amolar. Hoxe, desde alá entra na rede da empresa; e mesmo fala na cama co mundo enteiro.
Iso é -¿ou non?- teletraballar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/06/2000]

Share