Prodixio (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/06/2000)

O día era orballento no norte de España, e soleado no resto. A vista de satélite, unha faixa calorosa tendíase desde a Península Itálica á Ibérica sobre o paralelo 40. O verán estaba en anuncio, faltando aínda semanas para a súa entrada oficial.
Había algo raro no ambiente, como cando se presente a treboada moito antes de comezar. Non estrañaría que Natura sorprendese con algún espanto.
Acabado o descanso fronte ao televisor da cafetería, continuou a viaxe con toques de escobiña ao parabrisas e percorrido polo dial da radio en espera de algo que axudase a evitar a soneca.
Todo era pesado, falado en castelán e sobre “deportes” que se reducen a un: o fútbol. Andado un bo treito da autoestrada desde Vigo, era xa imposible captar emisoras portuguesas -mais, de súbito, comezouse a sentir unha lingua latina que nada ten que ver coas que decote sente un viaxeiro entre o Eo e o Douro.
“Imposible”, foi o pensamento. Pero o dial non deixaba lugar á mínima dúbida: RAI MF1. Estábase a escoitar unha emisora da RAI, da súa primeira cadea de radiodifusión en frecuencia modulada.
Se aínda fose unha emisora de modulación en amplitude, poderíase imaxinar o efecto da “reflexión ionosférica”. Pero os sinais portadores da FM son “visuais”. Ou sexa: alcanzan ata onde a vista chega desde o emisor.
¿Qué estaba a pasar? Un prodixio, o “efecto túnel”: non deixaba de escoitarse máis sobre fútbol, calcio, en italiano…
Se cadra porque tal negocio deportivo ten poderes ata para vencer as leis do electromagnetismo normal.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/06/2000]

Share