Relatos (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/05/2000)

Convidoume Lidia Martínez ao xurado dun concurso da Fundación Bertelsmann e, xentilmente, depositou unha carteiriña con relatos feitos por rapaces na miña caixa de correo da Facultade de Informática.
Linos na casa, en horas roubadas ao sono, e, influído polo ambiente onde os recibira, non puiden evitar o bolígrafo vermello con intencións correctoras.
Cando tiven que interromper a lectura por medo ao espertador, xa tiña unha visión do inmenso fracaso escolar de Galicia:
En vintecinco anos de democracia e autonomía, aquí perdeuse a ocasión de ordenar as cousas de Lingua e Cultura…
Os relatos debían ser escritos en castelán normativo, e ter algunha orixinalidade de contido para seren xulgados.
Pero estaban redactados en lingua espúrea, chea de galeguismos e madrileñismos, mesmo leístas; e carecían da mínima orixinalidade: salvas as excepcións dos catro seleccionados para finalistas, todo era televisivo, ianqui e ionqui.
A Consellería de Educación e os profesores de ensinos anteriores á Universidade deberían saber que, en situacións de diglosia, cómpre loitar por colocar os idiomas no seu sitio -sendo difícil facelo en Galicia, que non é “una región europea con dialecto propio” senón un metapaís a cabalo de realidades lingüísticas con proxección universal: o portugués e o castelán.
Algo haberá que facer para que á Universidade non chegue unha masa tatexa, incapaz de usar correctamente ningún código de intelección.
Quizais disto saiba a Fundación Bertelsmann, promotora da lectura. Tal esperamos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/05/2000]

Share