Historias (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/05/2000)

Narrar é sintetizar. O acerto do narrador (permítase teoría de afeccionado) consiste en escoller historia e desenvolvela nas proporcións debidas: sen páxinas de máis nin de menos…
Este día chegaron as probas dunha nova edición de Fábula, novela con valores que o autor non debe comentar.
Con todo, poida que teña dereito a facelo das circunstancias dun libro que leva vinte anos “na procura do seu lugar”, como diría Naipaul.
No 79, cando se escribiu, eran vivos e lúcidos moitos dos partícipes no fratricidio universal que se arrasou España entre 1931 e -como pouco- 1951, entre a proclamación da República e a fin da guerrilla.
A historia de Fábula é real: tanto como son as dos romances realistas. As vinganzas entre españois rojos e nacionales foron moitas, e a que relata ese libro foi así: ti permitiches que matasen o meu amigo amado e eu, logo, fago desaparecer o teu fillo “para que saibas en propia carne o que é perder un ser querido”…
Vinte anos despois, no verán do 99, ao narrador chamárono uns anciáns, que desde a lectura de Fábula querían falar pero non se atrevían. E comezaron a contarlle outra historia de República, guerra e posguerra, que “necesitamos ver escrita porque contada non a damos crido”.
A revisión de Fábula retarda a redacción do novo texto. Pero non amolece a vontade de cumprir cun deber: o de dar fe, de maneira literaria, iluminando as realidades co pincel da propia experiencia.
Oxalá que o fabulador saiba co seu traballo dar marco digno ao cadro que lle describiron.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/05/2000]

Share