Iridium (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/05/2000)

Os humanos son bichos falantes e fabulantes: pasan a vida a latricaren e narraren. E non se limitan a facelo cos que teñen á beira. Desde que son xente, quixeron chegar lonxe co seu discurso.
Un dos maiores inventos desta especie destructora da natureza é o teléfono, marabilla que naceu limitada pola condición de aparello ligado a uns fíos.
Así o coñecemos e así o gozamos, ata que se produciu o prodixio: o aparello, ano tras ano, viraba algo transportable e intelixente, disposto a conectarnos co mundo restante desde os lugares máis insospeitables.
Vivimos na “civilización do móbil”. Hoxe non importa o lugar desde o que se envía ou no que se recibe o dato matemático —ou a frase de cariño— que todo muda.
E pareceu que de marabilla convertida en prodixio ía evoluír cara ao milagre gracias a un sistema universal chamado Iridium.
A idea é brillante, estelar: unha “constelación” de satélites de comunicacións sobrevoa a Terra a baixa altura, en órbitas que se cruzan sobre os pólos. Coas súas antenas cobren a superficie terrestre e conectan cos aparellos dos usuarios…
Todo estaba moi ben. Tanto tiña, logo, andar no medio do mar ou da selva, que sempre se había de conectar con redes de comunicación propias e alleas.
Pero fallou algo. Din os expertos que non se axustou a oferta á procura. O prezo dos teléfonos era moi alto —mais tamén o servicio era crítico, destinado a abrir as últimas fronteiras da civilización global.
Iridium quebrou por falta de clientes. Con todo, fica a ilusión a percorrer os ceos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/05/2000]

Share