Terra de Fogo (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/05/2000)

Estes días percorre Galicia un filme de estrea, na súa versión galega e co título —supostamente galego— de Terra de Fogo.
Dela falárame o seu productor, Xulio Fernández, nunha xornada barcelonesa repartida entre Filmax e un espléndido restaurante galego onde cómpre dicir “basta”.
Ilusionoume a historia de buscadores de ouro, co aventureiro Julius Popper á fronte; con indios onas envoltos en peles de guanaco e mesmo un galego gaiteiro a dirixilos contra os civilizados.
Confeso ter feito raras combinacións para non faltar ao convite no teatro Colón da Coruña, cheo de caras amigas.
Alí tamén nos atoparon os xornalistas, ávidos de comentario.
Unha moza, micro en riste, preguntou que me parecían as versións en galego das fitas cinematográficas; e respondinlle que o Cine, como a Literatura, está por cima dos idiomas: tanto ten vermos o atrabiliario Popper —romanés— falando alemán como catalán…
Pero, xa metidos en fariña lingüística, sóame estraño o título, porque nestas terras de aquén do Miño distínguese perfectamente entre lume —natural— e fogo —artificial ou figurado—.
E o caso é que os navegantes españois polo mar Austral vían moitos “fuegos” —tantos coma grupos dos indíxenas canoeiros que, nesas latitudes do extremo sur da América, vivían nus, cubertos de graxa de foca, e sempre arrimados a lumieiras, nas cabanas e ata nas canoas.
Non consta, pero é doado de imaxinar, que os tripulantes galegos chamasen Terra “do Lume” —ou “dos Lumes”— á que vían.
Nunca “do Fogo”, como marcan os mapas portugueses.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/05/2000]

Share