¡Impaís! (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/05/2000)

“O meu país produce trescentas romarías de San Roque ao ano”. Iso é unha das sínteses máis brillantes que xamais se fixeran: de poeta sentidor, amo da capacidade de suxerir.
Pasou o Nadal, foise o Entroido, choveu na Semana Santa e agora o eterno paganismo da nación oculta irase debullando en todas as festas e romaxes das súas diversas tribos. De primavera a outono, arde Galicia.
Poida que non fique xente a morar nas aldeas, pero non se perde a memoria do que foron, e os emigrantes retornan, unha vez ao ano, ao santuario dos deuses da nenez, deidades menores vestidas de San Roque ou do que a Igrexa mandou…
Nova destes días nos xornais: nunha aldea de Lugo só quedan dúas casas habitadas, pero alí van ter festa por valor de catorce millóns de pesetas —máis, se cadra, do que valla canto na aldea ficou (fóra as almas dos seus habitantes).
¿E como se explica o caso? Porque paga un emigrante. Como sempre, un indiano, desta volta feito rico en Indias de ibérico solar; por máis detalle, Barcelona, que é como un Buenos Aires próximo e pequeno.
Vai haber carpas, con servicio de churrasco e polbo; e non han faltar nin viño nin doces de festexo.
Fume de fogos e melopea de gaitas han encher os aires dunha melancolía de lembranzas.
Misa en castelán canónico marcará inicio de festa; e fin, a máis enxebre das atraccións: Manolo Escobar, superador de bardos menores, coma Pondal, Celso Emilio, Añón, Manuel María et caterva.
Del escoitaranse versos patrios como aqueles de “Marcelino, bebe vino del Ribeiro”…
¡Impaís!

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/05/2000]

Share