Xa foi (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/05/2000)

Retornado da América, na Coruña xa, compañeiros de clandestinidade pedíronme que os axudase a esparexer panfletos pola cidade.
Confeso que pasei un mal momento. Non tanto por medo (o medo hérdase das situacións que o xustifican) como pola sensación de ridículo, de inxustiza. Víame nos Estados Unidos e non comprendía como en España cumpría andar naquelas trangalladas…
Non quero rebentar o final de Agora xa foi, novela breve de Vicente Araguas que me acompañou por terras de liberdade soñada para os seus personaxes —pero teña o lector por aviso os parágrafos de inicio destas notas a voapluma.
Araguas ábrese a penas, con man curta, sobre unha sordidez que é de todos os que nos vemos seguidos por unha xeración con máis sorte cá nosa —como nós seguimos con mellor sorte a dos nosos pais, incapaces de evitaren a Gloriosa Cruzada e as súas secuelas.
Ferrol dos cineclubs (como A Coruña ou Córdoba, que na miseria todos os somos españois), da Brigada Social, dos de Fuerza Nueva que batían onde non quería facelo a policía, dos obreiros alienados co Rácing e o Betis, das mozas liberadas que fornicaban (con conciencia de pecado) para cumpriren cun deber político, das esquerdas teorizantes e intrigantes, divididas e difusoras de inconveniencias para a pequena burguesía, de Francia como fuxida (se daban pasaporte), de Inglaterra como paraíso presidido por The Beatles
E ter que volver, a ver o de sempre: Cerillita baixo palio. Todo igual.
Aínda ben que xa foi.
Pero fica todo por contar. Araguas deu o aviso.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/05/2000]

Share