Ventosidades (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/05/2000)

España chámase Barcelona, e fala catalán. Desde París veñen falalo empresarios, executivos, homes e mulleres elegantes. Cataluña non precisa pregoar mil primaveras falsas.
Alá quedou a Francia destructora de culturas débiles, e un rapaz bretón que adoraba Luar na Lubre, o Dépor e as tendas de Adolfo Domínguez na Madelaine e de Zara en Les Halles.
Galicia existe en Francia de rara maneira; pero xa estamos en España. No aeroporto espera Basilio Losada, feito un rapaz, que vén de dar a súa derradeira clase como catedrático en nómina, antes de pasar a pensionista activo.
Basilio logo fala de viaxar, e de a onde ir, porque todo o mundo non colle na cabeza da xente. Un debe ter referencias do que ve e sente. Por iso, el prefire as terras por onde pasaron os romanos.
Todas son nosas, mesmo que falen alemán, ou inglés, ou algunha outra lingua incomprensible para latinos oídos.
¿E as Américas?
Tan nosas son que as podemos contar con anécdotas, de aquí e da alá.
Por exemplo, a da familia de Fidel Castro, veciña da dos Losada na aldea orixinal.
Seica o avó do Basilio deixoulle vinte pesos para que emigrase ao pai do Fidel, quen nunca llos devolveu, e velaí a Historia.
Seica, tamén, non houbo máis vinte pesos para o tío do tirano de Cuba que ficou, todo un artista da flatulencia:
Contratado de xornaleiro, divertía criados e patróns ceibando ata sesenta ventosidades seguidas mentres se curvaba sobre o rego sacho en man…
Estaba a vella morrendo e seguía aprendendo. Estamos de volta. Bendito Impaís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/05/2000]

Share