Soños de Verne (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/05/2000)

Baixo un ceo de chumbo algodonoso, sobre a planitude de terras doadas de invadir, o tren de alta velocidade cumpre horario entre París e Saint Nazaire.
O Loira dá unha paisaxe amena, de augas fluviais a sulagar as beiras fraguentas. Nos campos, vacas charolesas, brancas contra o verde, e cabalos trotóns de boa raza.
Nantes fai lembrar a Jules Verne, narrador de aventuras ao que tanta imaxinación debemos os nacidos antes da televisión.
Saint Nazaire ten algo de Ferrol, un mundo de xentes con “mameluco” e casco a indicar a empresa.
Verne xamais puido soñar o que salta aos ollos do visitante: unha monstruosidade de avión elévase contra o ceo que azulou a forza de brisa mariña. Parece un globo con ás, cunha sección en “8” acromegálica.
Nunha ilustración en terra vese o que é: a máquina voadora da Aérospatiale que se abre polo bico para deixar meter dentro dela fuselaxes de avións normais.
Europa está unida pola aviación. Compite cos Estados Unidos. Os ianquis -din en Saint Nazaire- están a pensar en construíren as súas máquinas do mesmo xeito: por pezas que se ensamblan nun hangar final.
Pero á vella Europa fáltalle xente con formación especializada. Nos estaleiros, outros monstros: cruceiros de luxo, grandes hoteis flotantes, que non se dan construído. En desespero, procúranse dous mil cincocentos operarios especialistas. Non hai tempo para os formar.
E, sen embargo, o paro persiste. Ser parado en Bélxica seica é unha gloria. E en Holanda, máis.
Rexéitanse choios. Por algún lado, a corda vai quebrar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/05/2000]

Share