París (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/05/2000)

París, un Grande París tan vasto coma o Grande Buenos Aires, parece un resumo do mundo enteiro. Non haberá nel tribo que non teña representación nin lingua que non se escoite. Os ianquis son praga e o inglés, lingua de uso universal. As cousas do traballo corren polo mellor camiño na lingua híbrida da Inglaterra, que tento ten de saxón como de normando; que serve para entender boa parte do francés que nunca se estudiou.
A outra parte vén da linguas latinas que se foron aprendendo, e mesmo do Latín paternal, que acolle baixo a súa sombra filolóxica canto se poida imaxinar falado no occidente cristián da Europa…
Hai galegos impresentables, e son moitos. Non se entende como á fin do século das Irmandades da Fala aínda se pode escoitar unha persoa educada explicarlle a un francés que “le gallego” (nada de “galicien”) é o “o dialecto rexional, unha mestura de portugués e español”. ¡Puf!
Contrasta iso co encontro casual da parella arxentina en viaxe de vodas. O mozo é fillo de galegos e torce o fociño ao escoitar tales definicións. A moza, de familia polaca -linda criatura-, leva a conversa a unha estraña epopea de galegos que falaban ao seu xeito: a da revolución anarquista da Patagonia. Ela é natural de Río Gallegos, e está tan convencida da súa galeguidade que mesmo pensa que o topónimo ten algo que ver con Galicia.
E ten -explícaselle- nas escuridades da Historia. Porque se debe a Blasco Gallegos, o piloto que descubriu o derradeiro refuxio das naos antes de tentaren o paso polo Estreito de Magalláns, alá na Acabación da Terra, onde rematan as Américas. Gallegos era asturiano, quizais do lugar que en Asturias leva ese nome, …
París, capital de la France, a da grandeur, segue a ser o mesmo, logo de moitas visitas: un enorme quero e non podo dos avances da técnica. O teléfono móbil ten a mellor cobertura, mesmo que as antenas das células se teñan que disimular imitando chemineas. E o servicio de conexión á interrede global é rápido, caudaloso.
Pero os inventores non son do país. Nin as fábricas principais. O idioma da Academie –masiva, de pedra clara- non pode contra o que non ten academia:
Nos anuncios de Internet barata imponse un tempo verbal, surfez, que procede dun verbo bastardo: surfer. Ou sexa, to surf en inglés.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/05/2000]

Share