Morredoiro (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/05/2000)

Na distancia asáltame un recordo: o do paso pola residencia Monte da Condesa, no campus compostelán.
Convidáronme os rapaces residentes a falar e faleilles de “Galicia como morredoiro”. Xuntáronse máis de setenta dos catrocentos que alá residen e atenderon con seriedade de universitarios ás teorías de quen ensina para ter quen lle pague a pensión.
Galicia ten diante de si un grave problema: unha cultura minorizada, desprestixiada, desprezada polos propios galegos cando eran un pobo homoxéneo.
E agora vén a inmigración: xentes de fóra en masa, non esas pingas de foráneos que van dando aroma ao sistema cultural. Xa o dixo un ministro de Exteriores marroquí: a inmigración é como o perfume: moita, fede.
Pero hai culturas poderosas, perfectamente implantadas, triunfantes mesmo alén fronteiras, que fan asimilarse a todo canto inmigrante chega: velaí a inglesa, ou a francesa, por non falarmos da ianqui.
Ai, si, mais cómpre ollar outros espellos —por exemplo, o do Quebec: os quebeckers dominaban os quebecois, os quebecois revolvéronse e, daquela, apareceron españois, italianos, gregos, portugueses… que escollían a “cultura superior”, expresada en inglés…
Foi unha longa reflexión, entre o teorizado e o coloquio; e o visitante foise indo na noite cargada de música de jazz sobre a autoestrada a pensar que tanta cara nova e linda algo ha de facer para que Galicia siga a ter esperanza.
Iso é, mesmo, a esperanza de quen vén facendo advertencias desde aquel O Larvisión escrito en voo de Madrid a Nova York.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/05/2000]

Share