Linchamentos (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/05/2000)

Un número atrasado de TIME perdido pola carteira incítame a ler por ese sentido que un adquiriu logo de moitos anos de engulir información para procesala ata a converter en materia de crónica.
Nun mes (o número é de 17 de abril) as informacións da revista semanal están resesas en boa parte. Pero os ollos van detectando o que ten trazas de perdurar. E unhas páxinas chaman a atención a punto de obrigaren á lectura.
Están ilustradas con imaxes vellas: fotos de homes enforcados, a penduraren de pólas de árbores. Dependendo de como lles colocaran o nó na gorxa, uns teñen a cara virada e outros, forzados pola presión na caluga, ollan para o chan como se estivesen a pedir perdón.
E perdón pedirían, coitados, pero esganáronos.
Unha particularidade das fotos macabras é que a maioría dos martirizados por tan brutal procedemento son negros que visten roupas de traballador. Parecen novos, e están esposados coas mans diante, sobre o ventre, non ás costas.
Outro detalle -arrepiante- é que se vexan rodeados de persoas ben vestidiñas, de moitas idades, algunhas delas nenos que sorrín, se cadra divertidos.
Finalmente -e esa é a razón do artigo- ilustra TIME a información con notas manuscritas no reverso de cartóns postais. Nelas comunícanse detalles de execucións ás que asistiron os que escriben.
As fotos dos “linchados” e os miróns fan o anverso…
Por veces, os europeos pregúntanse pola forma de ser dos ianquis, policías do mundo, e as respostas logo chegan lendo artigos coma ese, titulado Blood at the root.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/05/2000]

Share