San Luís (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/05/2000)

Día das Letras Galegas unha vez máis. Hoxe, lonxe de vós, desde a Francia da cultura única, vexo as cousas como sempre:
Grandes celebracións. Todo o mundo de paseo ou á praia, que xa está tempo diso se non chove. Se cadra, “carreiras pola Lingua”. E dúas grandes figuras que relembrar: Castelao e Murguía.
Cando naceron eses superdotados non había nin radio nin televisión, nin se imaxinaba a interrede que chamades internet.
Murguía soubo dos adiantos da telecomunicación, con fíos e sen fíos. Castelao usou a telegrafía, a telefonía a radiodifusión sonora, e mesmo coñeceu o que se facía nos EE UU a cerca da televisión…
Hoxe, 17 de maio do 2000, unha vez máis é o Día Mundial das Telecomunicacións e —mirade vós— vénme á cabeza unha empresa galega dedicada aos negocios telecomunicativos e telemáticos: San Luís.
San Luís distínguese sobre a falta de imaxinación xeral nas empresas porque se anuncia unicamente en galego. Ofrece un televisor con “sistema de altofalantes frontais estéreo dual” e, ¡velaí o milagre!, ten clientela que lle compra tal aparello.
Desde as distancias francesas e uniformizadoras quixera chamar a atención de todos os que andades a defender as Letras sobre outras realidades que fan moito máis país cá escrita.
Pediríavos que calculasedes a importancia do cotián nunha sociedade tecnoloxizada coma a nosa. E que fosedes preparando os agasallos e os premios para os que os merecen.
Como as críticas aos que tanto podían facer pola lingua e nada fan por culpa dos “chicos de la publicidad”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/05/2000]

Share