“O rato” (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/05/2000)

A discusión acontece en Madrid, motivada polas expresións dunha serventa ecuatoriana, que fala curioso castelán. Esta moza responde que a súa señora se ha de pór ao teléfono “en un ratito”.
O español que tal escoita pensa nun pedazo de tempo significativo, aínda que curto, e non comprende como a dama chamada lle vén falar axiña.
A cuestión é de “deriva semántica” que dirían os entendidos; e —unha vez máis— a consulta do Corominas dá a solución ao caso.
Di o estudioso catalán que rato “significó primero ‘instante, duración momentánea’, acepción todavía general en América del Sur, y sólo más tarde… pasó a significar ‘espacio largo de tiempo’…”.
Isto canto á acepción en castelán, que nada ten que ver coa galega —segue a discusión en Madrid—. Rato en conversa de romance ibérico occidental só é un bicho que asusta os meducas.
O equivalente ao rato castelán é para galegos anaco, pedazo, pouco, intre…; e para portugueses, insistentemente, bocado.
Nunca “rato”, mantén un dos discutidores. E conta anécdota en referencia a un fillo:
Sendo pequecho, na gardería, pedíu que o puxesen a facer unha necesidade. A mestra tentou que fose disciplinado e díxolle —en suposto galego— que o ía “levar ao cuarto de baño nun rato”.
Daquela o neno preguntou: “¿E onde está o rato?”.
As cousas das falas son así: de costume, que fai a diferencia. Por falta de costume, en Galicia non se relacionaba rato con tempo, aínda que o étimo —volvendo a Corominas— pode ser tan galego coma castelán: raptus, do latín pai de todas as falas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/05/2000]

Share