Resposta (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/05/2000)

Respondo carta a unha dama, de nome a silenciar, como corresponde a intimidades.
A carta é deliciosa: un cándido confesar desa irrazón que é a vida, dese algo que nos arrastra da nada á nada posiblemente, coa ilusión de que a nada sexa gozosa eternidade.
Á fin das contas, a lectora destas columnas venme dicir que pasou moitos anos esperando que a vida lle deixase gozar dela e agora, aos setenta e seis, o corpo non lle permite maiores satisfaccións.
Non puido viaxar de moza, esperou a facelo de maior pero a saúde estallo a impedir. E seica se ilusiona coas referencias feitas a voapluma sobre mundos vistos e entrevistos.
A Arxentina é para ela unha paixón.
“Hai mulleres -dime- que sofren porque van perdendo a beleza e o poder de seducción. Outras padecemos por termos unha cantidade de enerxía e ganas de vivir ás que non podemos dar saída…”
Nunca realizou a expedición ás terras do Austro, parte do mundo onde todo se inverte, comezando polas estacións.
Pero tamén devece por aventuras de menor categoría. Quixera andar a cabalo polo val de Loureda, e coñecelo en detalle.
Gustaríalle saber se nese val dos seus antepasados fican restos dunha colonia evanxélica desfeita pola emigración: casiñas arrimadas -muro a muro- para teren acceso interior, lembranzas dun culto nas catacumbas.
E aínda lle gustaría saber se para as súas doenzas hai en Loureda augas termais coma as dos baños de Arteixo…
Bela carta: pensando na autora, ao cronista gustaríalle tela por mai.
Pero cadaquén tivo a súa, e non debe renunciar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/05/2000]

Share