Lavapiés (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/05/2000)

Teño unha amiga que vive en Lavapiés. Castelá de nación —abulense por máis sinal—, emigrou ás terras do Río Negro patagónico. Alí viviu a aventura de ser “gallega” entre arxentinos, e volveu feita arxentina para a España que marcaba distancias cos “sudacas”.
Agora vive no barrio madrileño no que —con machados, navallas e mocas— loitan “moros” contra “chinos”; e, como todos os veciños españois desas rúas vellas, tomou partido.
Os seus son os mouros, os malos da película: rouban, trafican con droga, non dan pancada e poñen as mulleres a bourear.
Non o son os chineses, que traballan ata se eslombaren, homes e mulleres; que importan marabillas do Oriente e venden ilusións de seda, xade e bambú.
Pero os mouros —marroquinos e alxerianos— fan sociedade cos españois, tentan o castelán e “mesmo se parecen a nós, teñen a sensualidade africana nas veas e fan un cuscús de año delicioso”.
Os chineses —a se ver de cal China— só tratan entre eles, esprémense entre eles de costas viradas ao mundo e “pódenche botar no chop-suei defuntos propios ou ratas”.
A miña amiga mora soa na casa mais non ten maiores preocupacións. Sabe que a guerra non é cos nacionais do país que non goza acollendo xente estraña senón entre os do aluvión malquerido:
“Os chineses —di ela— traballan, e os outros róubanlles canto poden. Pero eu, tranquila, porque me queren ben os do pegamento”…
Os do pegamento —engade— son uns mociños magrebís que matan as horas de rúa, infindables, a inhalaren con fruición os vapores da droga máis barata.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/05/2000]

Share