Hacia (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/05/2000)

Recentemente, e unha vez máis, a miña impertinencia provocou un pequeno incidente, do que só saímos ben os mellor dotados de humor.
Foi que me atrevín a chamar a atención de certa persoa obrigada a falar bo galego sobre unha palabra que repetía: hacia.
Díxenlle que se trataba dun castelanismo innecesario, habendo a forma galega “cara a”.
A súa reacción foi chamarme escritor de segunda, enxeñeiro frustrado etcétera, e argumentou que era de bo ton os grandes mestres do galego introduciren palabras alleas ao desleixo.
Eu defendinme con aquilo da coherencia do código que me ensinaron na escola de enxeñería onde me formei -e que eu agora transmito aos meus alumnos. Agradecín que se me colocase onde me corresponde e, chegado á casa, metín polo correo electrónico unha nota:
“Segundo me ensinara don Victorino López, grande profesor salmantino, amigo de don Gonzalo Torrente, hacia vén de ‘face a’, que dá ‘facia’ e despois ‘hacia’ por ‘enxordecemento do efe’, exclusivo do castelán (para máis, véxase diccionario etimolóxico de Corominas)”.
Na seguinte fin de semana fun cabalgar por Arteixo e tiven longa conversa cun veciño da Insua, quen me indicou camiños apuntando coa man e dicindo “cara a Martulo, cara a Canzobre, cara ás Rañas…”.
Estou seguro de que ese rústico falaba galego.
Pero el e eu debemos estar trabucados; porque acabo de ler un artigo asinado por un numerario da Real Academia do Impaís que non deixa lugar ás dúbidas (sobre quen ocupa lugares en tan douta casa):
Títulase “O camiño hacia a verdade”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/05/2000]

Share