Murguía (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/05/2000)

Con insistencia que fai honra, o concello de Arteixo mándame convites e libros. Pero a vida de quen anda a viaxar e ver por pagos alleos fai difícil asistir a actos, mesmo nos que hai amigos por protagonistas.
Case veciño dese concello, arrimado a el por mor das artes de cabalería, coñecedor de lugares secretos como só coñece quen anda a lombos de besta…, sen embargo, non dou chegado a tempo ás celebracións.
E, aínda máis: un relato curto da miña autoría recibiu premio ben pago pola xenerosidade dese municipio industrial —un concello sen parados, no dicir do alcalde que ben goberna…
Non puiden responder ao último convite de Henrique Rabuñal: unha ausencia fixo o carteiro volver para a oficina de correos coa mensaxe e un agasallo.
E veño de recoller o envío: libro de relatos que reúne os premiados durante as últimas edicións do certame Manuel Murguía, e mais unha edición facsimilar, espléndida, de Galicia, a guía que escribira o marido de Rosalía —pola que el chora en páxinas finais.
De novo prodúcese o fenómeno de que unha conmemoración faga volver un texto perdido no limbo das edicións.
Os representantes de Arteixo souberon como gastar diñeiro público sabiamente, e Xerais fixo mil douscentos exemplares dunha obra necesaria para entender a Galicia que se esgota a golpe de noticia demográfica.
“Un pobo sen historia é un pobo morto”, deixou escrito don Manuel, o sabio arteixán…
A homenaxe completaríase se o seu concello enviase as páxinas exploradas por Xerais a un servidor conectado á interrede.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/05/2000]

Share