Muíños de vento (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/05/2000)

De Vilalba a Viveiro, da Chaira á Mariña, hai un cordal que marca os límites entre dous mundos diferentes que o centralismo xuntou: alguén en Madrid meteu todo na provincia de Lugo e así segue.
Pero a xeografía é eterna en relación á estupidez política, e o capital non sabe de liñas artificiais sobre un mapa…
Nunha determinada altura, o conductor observa ao fondo, a seguir a liña dos cumes, o exército de xigantes modernos contra os que se lanza. Pouco a pouco, curva a curva, os xigantes toman corpo de realidade co seu hipnótico xirar de aspas.
Na Gañidoira é obrigado parar, saír do coche e pórse a escoitar a canción do vento, o seu ritmo de baixa frecuencia e alta tecnoloxía nas turbinas.
Mirando o nome nas caixas de máquinas dos aeroxeradores logo se ve que alguén de fóra veu explotar recursos galegos, e non fica máis remedio que lembrar.
Cómpre lembrar un fracaso, ollando desde o alto da Gañidoira para os Pazos do Viveiró. Se alguén gusta de rever o pasado e quitar ideas, mire exemplares de El Ideal Gallego de haberá dezaoito anos [1982] e coñecerá o proxecto de “autarquía enerxética” que alí se quixo desenvolver.
Pero daquela as compañías eléctricas decidiron evitar que se lles fose das mans a “lei de conservación de enerxía”, e os políticos foron obedientes. Morreu ese proxecto e outros moitos máis morrerían.
Hoxe os de fóra fan diñeiro co vento galego e non existe unha industria xurdida no país. Galicia foi de novo invadida.
Pero xa se sabe o dito americano: “Aos pioneiros sempre os matan os indios”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/05/2000]

Share