Probas (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/05/2000)

Nos tempos da telefonía vella, “analóxica”, abusábase doadamente do teléfono, porque a compañía explotadora do servicio daba as contas sen especificar gastos.
Despois veu a “dixital” e armouse unha trapela para os abusóns: as compañías —xa non só unha— deron en especificar o gasto por miúdo, desde o comezo á fin de cada conversa, hora, minutos e segundos, co correspondente número marcado.
Isto levou os pais de familia a descubriren que as santas esposas e as benqueridas fillas gastaban enormidades de diñeiro en chamadas locais… ou non tan locais cando o noivo estaba fóra.
Máis dun cabeza de familia, farto, advertiu os fillos todos (os rapaces tamén abusan) sobre aquilo de que “pouca cabeza ten o criminal que deixa probas do delicto”.
E poderíase estender a advertencia aos empregados abusóns, que non se decatan do doado que é para o empresario saber a onde chamaron.
Mais parece que o evidente non entra na moleira dalgúns, e quizais pague a pena contar o caso acontecido nun edificio protexido por unha empresa de seguranza:
Seica se descubriu que houbera sucesivas chamadas nocturnas a un deses números tras dos que xorde a voz dunha muller experta en seguir conversas incitadoras ao onanismo. Os administradores logo cruzaron datos e descubriron quen estaba de garda cando se produciu o abuso…
Perante o visto, fica a dúbida de como se pode contratar para gardián a quen comete erros de delincuente torpe.
Aínda que tamén se sinta pena de quen non é capaz de usar a imaxinación no gozo dunha longa lectura.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/05/2000]

Share