Disidentes (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/05/2000)

1 de maio do 2000. Día de descanso para o pranto dos ceos que non nos abandonou durante un mes. As nubes lixeiras e o resol convidan ao paseo.
Paseo ao longo dos peiraos, desde a Palloza á Estación Marítima. Hai na estación unha exposición do íntimo, do agachado, do inconfesable: sobre o protestantismo en Galicia. Cento vintecinco anos de esforzo evanxélico con templos propios.
Curiosa exposición para quen le con abraio de descuberta deliciosa The Bible in Spain, de George Borrow, “don Jorgito el inglés”, quen aparece exposto, a transmitir a mensaxe que deixou para os que o seguiron: en España non se le nada, e menos a Biblia.
Emocionante a valentía dos “colportores”, incribles as bibliotecas bíblicas ambulantes, tentador para a literatura o anecdotario dos “disidentes” da relixión oficial…
A poucos pasos da Estación, diante do palco da música, encontro de amigos manifestantes: Manuel María, Xosé María Dobarro, Xosé Manuel Martínez Oca. Parola rápida e literaria, xornalística, ideolóxica. A xente das Letras sempre ha de ser incómoda para os sistemas…
De retorno cara á Cubela, os postos dos anarquistas. Outros disidentes. Pero os da CNT disiden en dirección contraria á dos evanxelistas. Non só non cren en Deus senón que, por trinta pesos, ofrecen un “kit de montaxe” de ateísmo co “teorema da incompletitude de Gödel“, que “demostra que é imposible que a Biblia sexa verdadeira e completa”.
Posiblemente. Pero quen dubida, de corazón na man, quixera xuntarse no Ceo con tantos soñadores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/05/2000]

Share