Viveros (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/05/2000)

Vellos de Casablanca, na outra beira da bahía da Habana, lembran os viveros, barcos cun grande estanque no medio, onde se botaban os peixes pillados no pincho. Eran de madeira, levaban motor e vela, coa que moito gasóleo se aforraba nas mareas de catro semanas polo Caribe.
Os galegos construíran en Casablanca un barrio de casopas que chamaban “Peixiño”, como contou Neira Vilas. Os galegos, patróns e mariñeiros dos viveros nunca renunciaban ao seu xeito de expresión.
Os pescadores cubanos sobreviventes daquela epopea descoñecida aseguran que aprenderon a lingua galega porque na manobra de mar as voces eran dadas nela. E tanto a oíron que lles quedou o costume de se chamaren “rapaz” uns aos outros…
Acabamos de ver o incrible: mentres o paro atristura poboacións enteiras de pescadores, que a falacia marroquí ten en seco, os armadores de Burela non atopan tripulacións galegas e teñen que recorrer a homes do Perú.
Os que non andan nese negocio, non o dan entendido. Pero todo o mundo percibe unha incongruencia. E os filólogos, os amantes do idioma (seica iso di a palabra), andan amoucados:
O mar foi por tradición un baluarte da lingua gloriosa das cantigas. Pregúnteselle a Bernardino Graña e dirá.
Pero agora, desde Burela, ¿que idioma vai triunfar sobre as ondas? ¿Pasará como na Habana ou non?
Días atrás, na Coruña, un vendedor boliviano dicíalle a un comprador galego, que galegamente se lle dirixira: “Ustedes hablan mal. Nosotros hablamos el buen castellano”.
Era o que lle faltaba a este Impaís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/05/2000]

Share