Brazatortas (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/05/2000)

Escoitei falar o Antonio Gala na Radio Galega e unha fervenza de recordacións verteu por diante dos meus ollos…
Coñecín o Antonio na casa doutro Antonio, o D. Olano, quen daquela escribía no único xornal impreso a cores. A cousa veu pola canción galega. O Andrés do Barro quería existir nese Madrid que só olla para o embigo e o Olano adoptouno (e a min, de pendura).
Antonio Gala falaba como hoxe, con maneiras de imitación continua, como se quixese representar, teatreiramente, acenos e falares de señora deseñada por dramaturgo, non de dama real.
Andaba con artistas de toda guisa, xente ocorrente, capaz de imaxinar agasallos peculiares, coma unha pomba de madeira para o Joan Manuel Serrat, que cantaba Se equivocó la paloma –e seica nunca a recolleu, porque o Serrat, tan inspirador de mulleres, e mesmo mullerengo, non podía ser amigo dos socios de Gala…
Socios parecían, por exemplo, a Gloria Fuertes, que imitaba un varón fumador; ou o frade toureiro Mondeño; ou un pintor de anxos e touros que tiña algún nome. Ou o Nieva teatral, que despois foi importante.
Facían festas perigosas, con manxares exóticos e xogos coma o dos peñores. E gastaban chanzas malvadas.
Non sei se o Antonio lembrará a da súa partida de necemento: consistiu en mandarnos a moitos unha fotocopia dela, cun círculo vermello arredor do nome horrísono da vila manchega na que naceu: Brazatortas.
Se cadra, eu fun o único que non riu a brincadeira, por ter nacido en Miguelturra, lugar da Mancha con nome que —tamén— manda chover na Habana.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/05/2000]

Share

One Comment

  1. Pingback: Entrevista en Laduda.net: “A insinuación de que van intervir o Centro Pen de Galicia logo que pase o congreso de Ourense paréceme algo moi pouco serio” | XAVIER ALCALÁ

Comments are closed.